A Banda de Música Municipal de Caldas de Reis, gañadora da primeira sección do XVI Certame Galego de Bandas de Música Populares
Completan o elenco de gañadores nas súas respectivas seccións a Agrupación Musical da Limia, a Banda da Asociación Musical “Harmonía” de Parla, a Banda Infantil Xuvenil ACM Sementeira de Narón e a Banda Infantil “Lira” de San Miguel de Oia. O evento, celebrado no Pazo da Cultura de Narón a pasada fin de semana, tamén fixo públicos os resultados do XVI Concurso Galego de Composición.
Foron máis de 500 os músicos que participaron na XVI edición do Certame Galego de Bandas de Música Populares que tivo lugar a pasada fin de semana no Pazo da Cultura de Narón. Por esta sala pasaron, ao longo dos dous días de certame, arredor de 1.800 espectadores, que se suman aos máis de 17.000 que seguiron o evento a través da canlede YouTube da Federación (@bandas). Tanto o público como os músicos puideron desfrutar estes dous días da música de banda, interpretada polas once agrupacións participantes nas diferentes categorías. O xurado, formado polos directores Andrea Loss, David Fiuza e o compositor Pere Vicalet, asistidos polo secretario David Rivas, foi o encargado de avaliar os aspectos técnicos e artísticos das interpretacións.
A Banda Municipal de Caldas de Reis ergueuse gañadora da primeira sección, posicións que ocuparon a Agrupación Musical da Limia e a Banda da Asociación Musical “Harmonía” de Parla nas seccións segunda e terceira respectivamente. Os máis cativos tamén estiveron representados nas seccións infantil e xuvenil, cuxas bandas gañadoras foron a Banda Infantil “Lira” de San Miguel de Oia e a Banda Infantil Xuvenil ACM Sementeira de Narón. Completan o elenco de bandas participantes a Banda de Música de Arzúa, a Banda de Música Santádega (Coles), a Banda de Lourenzá e a Banda Popular de Tui nas seccións primeira, segunda e terceira, así como a Banda Sinfónica Xuvenil
“Maestro Lupi” (Benavente), a Chikiband da Limia. O premio ao mellor director, por decisión do xurado, fixo distinción entre as seccións adultas e as infantís-xuvenís, resultando premiados José Luis Tielas Santiago e Pedro Villaroel.
O serán do domingo foi a data escollida para a entrega dos premios tanto do XVI Certame de Bandas como do XVI Concurso Galego de Composición, no que resultaron galardoadas as seguintes obras, nas categorías indicadas:
- Música popular galega: Ao xeito de foliada, de León Pedro Durán Viso
- Banda de iniciación: A moura galega, de Frank Cogollos Martínez
- Dificultade baixa: Lembranzas, de Pere Sánz Alcover
- Dificultade media: Unha rapsodia galega, de Sergio Rodríguez Pena
- Dificultade alta: Os contadores de historias, de José Martínez Mulió
Ademais, nestas dúas últimas categorías, o xurado entregou sendas mencións a Lucus Augusti, de Francisco José Villaescusa López, e Imaxes Olívicas, de Santiago Barreira Davila.
O acto de clausura, conducido pola presentadora Rocío Rodríguez Padín, contou coa presenza do Secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia Anxo Lorenzo e a concelleira Olga Ameneiro en representación do Concello de Narón, ademais do presidente da FGBMP Iván Estévez Sabucedo O momento máis emotivo desta gala foi o recoñecemento a toda unha vida dedicada ás bandas de música, que nesta edición foi
para Eduardo Salgado Corgo, trompetista da banda de música de Antas de Ulla. Tras o recoñecemento dos premiados, a gala rematou coa interpretación Himno Galego, que puxo o alfinete de ouro a unha fin de semana chea de música de banda.