Ourense acolle durante esta semana o XV Encontro da Banda Sinfónica Galega no que participan máis de medio cento de músicos
A Federación Galega de Bandas de Música Populares organiza as vindeiras xornadas o XV Encontro da Banda Sinfónica Galega na cidade de Ourense. Nesta xuntanza participarán máis de 60 mozas e mozos chegados de toda a xeografía galega para compartir ensaios e experiencias ao tempo que reciben unha ampla formación. Toda esta actividade rematará cun concerto de clausura que terá lugar o vindeiro 3 de setembro ás 19:30 h na Praza das Praterías de Compostela.
Ourense acolle durante esta semana do 29 de agosto ao 2 de setembro o XV Encontro da Banda Sinfónica Galega (BSG), evento organizado pola Federación Galega de Bandas de Música Populares (FGBMP) que ademais conta coa colaboración da Deputación de Ourense e do Concello de Verín. Esta agrupación está formada por máis de medio cento de mozos e mozas con idades comprendidas entre os 15 e 31 anos seleccionados de entre as máis de 95 bandas de música que compoñen a federación e chegados de toda Galicia. Ao longo de A todo o encontro, os participantes convivirán na cidade compartindo ensaios, actividades formativas e eventos lúdicos, ao tempo que realizarán ensaios abertos e amosarán o traballo en diferentes concertos que se desenvolverán estes días, contribuíndo ao enriquecemento da ampla axenda cultural e musical que a agrupación vén desenvolvendo durante os últimos anos.
Baixo a dirección de David Fiuza, un experimentado director recoñecido a nivel galego e nacional, a Banda Sinfónica Galega (BSG) brindará unha experiencia musical única durante o XV Encontro. David Fiuza non só levará a batuta durante os concertos, senón que tamén coordinará e supervisará de forma activa todo o plan formativo dos talentosos músicos participantes. A súa experiencia en dirección e a súa paixón pola música garanten unha dirección precisa e inspiradora, que axudará aos mozos e mozas a desenvolver todo o seu potencial artístico.
Xunto con David Fiuza, o encontro contará coa colaboración doutros talentosos mestres. Tiago Correia liderará os ensaios seccionais de vento madeira, compartindo os seus coñecementos e pericia con esta sección vital da banda. Jose Rodríguez Ramos, experto trompetista será o encargado de traballar a sección de vento metal para afinar a súa interpretación e técnica. Por outra banda, Germán Agulló, recoñecido percusionista, guiará os músicos da sección de percusión na súa preparación das obras.
O encontro culminará en dous emocionantes concertos que destacarán a habilidade e o compromiso dos membros da BSG. O primeiro concerto terá lugar o sábado 2 de setembro ás 20:00 h no Auditorio Municipal de Verín. O segundo concerto está programado para o domingo 3 de setembro, onde a BSG terá a honra de clausurar o ciclo de concertos «Música no Camiño» patrocinado por Turismo e a Xunta de Galicia. Este evento realizarase na praza das Praterías de Compostela, ás 19:30 h, e en caso de meteoroloxía adversa terá lugar na Cidade da Cultura. Será unha ocasión inesquecible para os amantes da música e unha maneira espléndida de pechar este XV Encontro da Banda Sinfónica Galega.