BNG defendeu na comisión parlamentaria de Cultura unha proposición non de lei para instar á Xunta a reforzar o seu compromiso coas bandas de música popular galegas por unha banda, incoando o expediente de declaración BIC (Ben de Interese Cultural) para o patrimonio inmaterial que acubilla o legado do seu traballo e, por outra, reforzando o compromiso coa súa potenciación social, fomentando a creación e interpretación musical; achegando recursos para o estudo, inventario, catalogación e dixitalización dos repertorios; e ampliando os circuítos de difusión e proxección exterior.
A proposta nacionalista, defendida pola portavoz parlamentaria de Cultura, Mercedes Queixas, e que non prosperou polo veto do PP, tamén incluía o compromiso orzamentario do Executivo galego ao longo do próximo cuadrienio para dar resposta ao Proxecto Da Capo: A música como motor de desenvolvemento social, económico e innovador de Galiza, presentado pola Federación Galega de Bandas de Música.