O Arquivo Sonoro de Galicia: fondos inesgotables para aprehender a nosa cultura

0
515

11 de abril de 2024
Santiago de Compostela

Organiza: Arquivo Sonoro de Galicia, Consello da Cultura Galega

Cando nos mergullamos nos fondos documentais do Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) do Consello da Cultura Galega atopámonos con infinitas posibilidades de coñecer e enriquecer a nosa cultura galega, a nosa identidade. Os máis de 50.000 rexistros que están ao noso dispor ofrécennos distintas alternativas para afondar no coñecemento da lingua galega, da nosa historia, dos movementos migratorios, da resistencia cultural no exilio e na diáspora, dos movementos sociais, do patrimonio oral ou da nosa música, por citar só algúns dos eidos que abranguen os documentos sonoros do ASG. Entre os elementos deste fondo, que se incrementa ininterrompidamente grazas á xenerosidade de particulares e institucións, queremos destacar a colección de máis de 700 lousas que recollen os inicios da historia fonográfica da música galega.

Co obxecto de divulgar unha parte deste valioso fondo que atesouramos na nosa institución, organizamos esta xornada na que afondaremos en distintos aspectos: tipos de soportes, repertorios, estilos, agrupacións, voces, singularidades… En primeiro lugar, e para destacar a relevancia do documento sonoro como fonte e ferramenta completa, precisa e imprescindible para calquera investigación, contamos con María Jesús López Lorenzo, xefa do Servizo de Documentos Sonoros e Audiovisuais da Biblioteca Nacional de España. Deseguido, Xaime Estévez e Beatriz Cancela, pertencentes á Comisión Técnica do ASG, centraranse en dous aspectos concretos do Arquivo: os documentos singulares e a música das bandas de música e orfeóns, respectivamente.

Con esta xornada queremos chamar a atención do persoal investigador (músicos, lingüistas, historiadores…) para que consideren o noso arquivo como un novo e rico referente nas súas procuras documentais.

Consulta o PROGRAMA.

Realiza a túa INSCRICIÓN.

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí