Lalín acolle o I Encontro Camerístico da Banda Sinfónica Galega, organizado pola Federación Galega de Bandas de Música Populares
O mestre David Fiuza lidera a interpretacion dun esixente programa con corenta mozos e mozas procedentes de bandas de música populares de toda a xeografía galega. A formación de cámara prepara obras como ‘A Consagración da Primavera’ de Stravinsky. O encontro culminará o vindeiro xoves, día 28 de decembro, cun concerto ás 20:30 h no Auditorio Municipal de Lalín, con entrada libre e gratuíta.
A primeira edición do Encontro Camerístico da Banda Sinfónica Galega, organizado pola Federación Galega de Bandas de Música Populares, reúne en Lalín a preto de corenta músicos durante tres intensas xornadas. Con media de idade de 20 anos, os mozos e mozas seleccionados entre máis de 95 bandas de toda Galiza ensaian diariamente durante sete horas, nun encontro cun marcado carácter didáctico. Esta actuación oferta unha oportunidade para apreciar a destreza e a interpretación artística da agrupación de cámara da Banda Sinfónica Galega ao tempo que fai a súa presentación ante o público, cun repertorio diversificado e envolvente no que se poderán escoitar as obras Symphony nº 1 de James Stephenson e Le Sacre du printemps (A Consagración da Primavera) de Igor Stravinsky (Transcrición de Terry Vosbein).
Neste encontro están presentes músicos de 27 bandas de música populares: Agrupación Musical da Limia, Agrupación Musical de Belesar, Agrupación Musical do Rosal, Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia, Ateneo Musical de Bembrive, Banda Artística de Merza, Banda da Escola de Música Municipal de Oleiros, Banda de Lalín, Banda de Música Artística de Bueu, Banda de Música Belas Artes de Cangas, Banda de Música da SR San Xoán de Calo, Banda de Música Cultural de Salceda de Caselas, Banda de Música de Agolada, Banda de Música de Antas de Ulla, Banda de Música de Catoira, Banda de Música Municipal de Celanova, Banda de Música de Lourenzá, Banda de Música de Lousame, Banda de Música de Santa Cruz de Ribadulla, Banda de Música Municipal de Brión, Banda de Música Municipal de Caldas de Reis, Banda de Música Recreativa e Cultural de Bandeira, Banda de Música de Vilatuxe, Banda de Música Xuvenil de Xinzo, Banda-Escola de Música de Beade, Escola Banda de Música de Antas de Ulla e Xove Banda de Narón,
A maioría deles son estudantes de grao profesional ou superior, en escolas e conservatorios tanto galegos como doutras localidades da xeografía española e doutros países, que aproveitan as vacacións de Nadal para reunirse nun encontro de cámara, visibilizando así o enorme talento e nivel existente na actualidade nos músicos das bandas populares galegas. Están dirixidos por David Fiuza, cruceño e director titular da Banda de Música Municipal de Santiago de Compostela, da Gran Canaria Wind Orchestra así como da formación bandeira da FGBMP e das bandas populares galegas, a Banda Sinfónica Galega.
Enlace web