Fundada no ano 2000 pola Federación Galega de Bandas como a agrupación representativa das bandas de música populares, a Banda Sinfónica Galega (BSG) ten percorrido un longo camiño, ofrecendo ducias de concertos en toda a xeografía galega. A BSG acolle a músicos cuxas idades van desde os 16 aos 30 anos, maioritariamente procedentes de bandas populares galegas, e que participan nela de forma voluntaria.
A principal misión da BSG é crear un espazo de intercambio e aprendizaxe, onde músicos de diversas formacións galegas poidan colaborar. Anualmente, a banda desenvolve un proxecto que abarca varios días, promovendo a convivencia, os ensaios e a interpretación en concertos abertos ao público e de balde.
Dende a súa creación en 2000, a BSG acumulou un impresionante historial de actuacións, incluíndo a estrea de moitas obras premiadas no Concurso Galego de Composición. No verán de 2022, a BSG tivo a honra de representar as bandas de música populares galegas na Young Generation do World Music Contest en Kerkrade, Países Baixos, tras ser convidada pola organización como entidade representativa das bandas de música populares galegas. Tamén no mes de decembro de 2022, a BSG uniu forzas coa Banda Municipal de Santiago de Compostela nun emocionante concerto conxunto.
A batuta da BSG está nas expertas mans do mestre cruceño David Fiuza, quen tamén exerce como Director titular da Gran Canaria Wind Orchestra e da Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela.
Título – Title | Compositor – Composer |
---|---|
Pendente de publicación por parte da banda |
Este Ciclo de Concertos, organizado pola Federación Galega de Bandas de Música Populares co patrocinio de Turismo de Galicia, ten a finalidade de fomentar e estimular a actividade musical, como parte fundamental do noso patrimonio cultural, así como achegar á cidadanía e a todos os visitantes de Compostela o traballo que fan as bandas chegadas de toda a xeografía galega.