Sinerxías» é o título que agrupa os once concertos que dará a Banda Municipal de Música nos meses de maio, xuño e xullo. O programa, que foi presentado esta mañá pola concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, e o director da formación, David Fiuza, cobre unha ampla variedade de estilos musicais con actuacións conxuntas con diferentes agrupacións e entidades, coas que a BMSC volverá ás rúas, con concertos ao aire libre nas prazas do Obradoiro e da Quintana.Na rolda de presentación, a concelleira de Acción Cultural referiuse a estas «Sinerxías», como un «frutífero punto de encontro no que se suman as forzas de diversos entes con azos de construír en conxunto e se harmonizan as diversas enerxías, canalizándose de cara a un obxectivo común». Mercedes Rosón convidou a «todos os veciños e veciñas de todas as idades a que sexan partícipes de forma activa destas sinerxías sonoras terán lugar entre o 26 de maio e o 29 de xullo».
Pola súa parte, o director David Fiuza explicou que este novo ciclo busca «festexar con música as ‘sinerxías’ que brotan inherentemente á peregrinación polos Camiños Sonoros da Banda Municipal de Música de Santiago», e salientou a necesidade de «abrirse ás rúas, á cidade e sobre todo, ás amizades que artísticamente ofrecen nexos e empatías para realizar proxectos musicais en común, aportando así unha dimensión maior á sonoridade á Banda».
Programación
Este Ciclo III da programación «Camiños Sonoros», caracterízase pola participación en diferentes festivais e con diferentes artistas ou agrupacións en todos e cada un dos 11 concertos programados.
A praza da Quintana acollerá dous concertos no que resta do mes de maio: «De cofias e monteiras», este xoves 26, coa participación da Asociación do Traxe Galego e a Agrupación Brincadeira; e «Xoldra a eira», coa Banda de Gaitas de Forcarei («Josele», Icía Varela e Xabier Cruz), o vindeiro domingo 29.
Durante o mes de xuño, a BMSC ofrecerá outros cinco espectáculos: «Capricho brillante», coa Federación Galega de Bandas de Música Populares , o 2 de xuño; «Concerto monocromo», coa participación da artista multidiscriplinar Macarena Montesinos, que terá lugar no Festival Plataforma o vindeiro 9 de xuño; «Novos Vieiros», o 16 de xuño, no cadro das Xornadas Música Contemporánea; «Retornos Melódicos», xunto co director Casiano Mouriño, co gallo do Día Mundial das Persoas Refuxiadas, o 23 de xuño; e «Romaría», no cadro do Festival de Narración Oral Atlántica, o vindeiro 30 de xullo.
A programación continuará durante o mes adicado ás Festas do Apóstolo co concerto «Sinfonietta Galaica» o 7 de xullo, no que a BMSC compartirá escenario coa Banda Sinfónica da FGBMP, e o gaiteiro»Josele»; e coa participación no XVIII Encontro Galego do Saxofón o día 14, nunha actuación conxunta co recoñecido saxofonista Claude Delangle. A praza da Quintana acollerá outros dous espectáculos os días 21 e 29 de xullo: «Suite de Souvenirs» con +QDanza; e «Ei cantar coa túa Banda», con Mare Producións e as voces de Paco Lodeiro, Rosa Cedrón e Miguel Ladrón de Guevara.
Entradas
Os billetes poden adquirirse, de xeito gratuito, na web compostelacultura.gal; na zona C (de martes a sábado); ou no despacho de billetes do Teatro Principal o día do espectáculo desde unha hora antes de comezo do mesmo.