A Banda Municipal de Música de Santiago, programa 21 concertos no seu Ciclo de Inverno

0
923

13/01/2020 A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, presentou o Ciclo de Inverno da Banda Municipal de Música de Santiago, acompañada do director da formación, Casiano Mouriño. A Banda ofrece un programa de 21 actuacións no que non faltan novas colaboracións, concertos didácticos e para maiores e actuacións especiais.Mercedes Rosón lembrou que «a Banda de Santiago ten un público fiel e que está moi pendente do calendario de concertos» e expresou o seu desexo de que «as propostas deste inverno sexan do agrado deste público fiel, pero que tamén sirvan para atraer novos públicos». Destacou a «versatilidade e calidade» e chamou a atención sobre as diferentes colaboracións, como as de Píscore ou o Festival Atlántica, as novas galas líricas ou a participación da formación en festas como as de Sar ou San Lázaro.

Despois dos dous concertos de Reis xa celebrados, e tal como detallou Casiano Mouriño, o Ciclo de Inverno continúa estes vindeiros domingo, 19 e 26 de xaneiro, cos concertos «Grandes clásicos» e «Viaxando cos ventos», respectivamente. A Banda pechará o mes de xaneiro coa súa participación na homenaxe a Emilia Pardo Bazán que se celebrará na rúa da Trindade.

O calendario musical de febreiro arrincará o domingo 2 cun concerto á carta, saído das propostas elixidas polo público, e coa actuación nas festas de Sar (luns3). O domingo 9 celebrarase o primeiro dos concertos de «Novos intérpretes», neste caso coa participación da violonchelista Ana Relova.

Unha das colaboracións destacadas do ciclo é a prevista co grupo de percusión Píscore. Será o xoves 13 o venres 14, con dous concertos didácticos, e o sábado 15, desta vez cun concerto familiar. A programación de febreiro continuará con tres actuacións para maiores os días 19 (Residencia Fundación José Otero – Carmela Martínez), 20 (Residencia Volta do Castro) e 21 (Residencia Porta do Camiño). O calendario do mes pecharase cunha colaboración coa Banda do Conservatorio Profesional de Música de Santiago.

Marzo será o mes da lírica, con dúas galas en colaboración coa Asociación Amigos da Ópera de Santiago e coa participación da soprano Clara Panas e do Coro Liceo de Vilagarcía (venres 6 e domingo 8). A Banda tamén se sumará ao Festival Atlántica con «Unha aventura singular» os días 13 e 14.

O Ciclo de Inverno pecharase cunha nova entrega de «Novos intérpretes», neste caso con Joel Rodiño (saxofón alto) o domingo 29, e cun concerto nas festas de San Lázaro o luns 30 de marzo.

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí