A Banda Municipal de Música de Santiago e a Real Filharmonía de Galicia compartirán escenario na Ascensión

0
1771
O calendario de actos do programa das festas da Ascensión deste 2018 contén unha cita moi especial. Con motivo da celebración do 170 aniversario da Banda Municipal de Música de Santiago, a formación ofrecerá por primeira vez un concerto conxunto coa Real Filharmonía de Galicia, que co-dirixirán Casiano Mouriño e Maximino Zumalave. Será o venres, día 11 de maio, ás 20.30 h, na praza da Quintana e, en caso de choiva, trasladarase ao Auditorio de Galicia. A entrada é gratuíta previa retirada dos convites que se poñen hoxe a disposición do público no despacho de billetes do Teatro Principal en horario de 18 a 21 h.
Para esta singular ocasión, o director da BMSC, Casiano Mouriño declara “ter escollido un repertorio especial, moi variado en épocas e estilos e malia a dificultade de adaptar as partituras, estamos moi orgullosos de colaborar coa Real Filharmonía de Galicia e con Maximino Zumalave nesta marabillosa experiencia”.
O programa do concerto inclúe o Carnaval Romano de Héctor Berlioz, o Danzón nº 2 de Arturo Márquez e a Obertura 1812, Op. 49 de Piotr Ilich Chaikovski (ambas con arranxos de Adrián Saavedra), amais do pasodobre Puenteareas, de Reveriano Soutullo (con arranxos de Casiano Mouriño). Contén tamén a estrea mundial de What do you think about the dropping of atomic bombs in Hiroshima & Nagasaki?, un encargo da BMSC ao  compositor galego Antón Alcalde.
Unha obra de estrea 
What do you think about the dropping of atomic bombs in Hiroshima & Nagasaki? (Que opinas do lanzamento de bombas sobre Hiroshima e Nagasaki?) é unha obra de 15 minutos de duración para grande orquestra e electrónica que compositor rianxeiro Antón Alcalde compuxo por encargo da BMSC. A dicir do autor, “o título é unha declaración de intencións. Unha pregunta formulada para a reflexión moral como especie e como parte dun ecosistema maior: Que opinas do emprego de bombas atómicas sobre a poboación civil e ecosistemas biolóxicos concretos? Que opinas sobre que, 73 anos despois do holocausto de Hiroshima e Nagasaki, a humanidade dispoña dun arsenal nuclear estimado en máis de 16.000 proxectís, cunha capacidade de destrución dunhas 3.300 veces superior ás detonadas en agosto de 1945?”. Con estas preguntas en mente, a obra toma como punto de referencia os Paneis de Hiroshima, dos artistas nipóns Iri e Toshi Maruki. Dos quince paneis que conforman esta colección, Alcalde selecciona cinco para compor esta peza, que dispón como micro-movementos interconectados e ordenados cronoloxicamente: pantasmas, lume, auga, arco da vella e deserto atómico. Di o autor, “cada movemento representa un microcosmos, extrapolado da impresión causada pola observación de cada panel, que tiven a sorte de contemplar na exposición ofrecida polo Museo de Arte Contemporánea de Hiroshima en 2014”
Concertos da BMSC en maio
A Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela é unha das máis antigas e respectadas de Galicia. Nace en 1848 como agrupación de afeccionados e en 1876, en mans do Concello, comeza a se profesionalizar. Ao longo dos seus 170 anos de historia, a BMSC mantén unha presenza constante na vida cultural de Compostela, con actuacións nas principais festas e actos protocolarios e en multitude de eventos municipais. De especial interese é o seu labor didáctico con centros educativos de Santiago e bisbarra. Na actualidade, componse de 36 membros e é dirixida por Casiano Mouriño. Cada semana e durante todo o ano, ofrece un concerto dominical de balde no Teatro Principal, cun crecente repertorio que afonda nas músicas tradicionais galega e española, e que inclúe tamén obras sinfónicas internacionais. Durante o mes de maio, a BMSC ofrecerá outros catro concertos. O primeiro deles, o domingo 6 ás 12 h no Teatro Principal, é unha Gala Lírica de Ópera e Zarzuela que xorde en colaboración coa asociación Amigos da Ópera de Santiago, e que conta coa participación da soprano Idoris Duarte e o tenor Miguel Borrallo como solistas. Tamén no programa das Festas da Ascensión, o domingo 13 de maio a formación ofrecerá o concerto Do Pasodobre á Muiñeira ás 12 h na rúa do Vilar. O xoves 17, con motivo da celebración do Día das Letras Galegas, volverá ao Teatro Principal para un concerto especial na compaña do Cantorum Compostellana Coniunctio. Finalmente, o domingo 27 ás 12 h o céntrico teatro compostelán servirá de escenario para unha obra que a banda estrea na celebración do seu 170 aniversario. Todos os concertos son de entrada libre até completar aforo.
Concertos da RFG en maio
A Real Filharmonía de Galicia naceu en 1996 cunha vocación universal e é o Consorcio de Santiago o organismo encargado da súa xestión. Co británico Paul Daniel como director titular e artístico, está formada na actualidade por cincuenta músicos de diferentes nacionalidades O compostelán Maximino Zumalave, un dos seus fundadores, é o director asociado da orquestra e condúcea en destacadas ocasións ao longo do ano, como o concerto do Día das Letras ou o concerto tradicional da noite do 24 de xullo no Hostal dos Reis Católicos, amais de recitais do programa de abono e outras citas diversas.
Canda este concerto especial integrado no programa das festas, o mes de maio garda aínda diversas  ocasións para desfrutar da RFG. O mércores 16, Maximino Zumalave dirixirá a orquestra nun concerto con motivo da celebración do Día das Letras Galegas. Será ás 21 h no no Auditorio Afundación de Pontevedra, cun programa que inclúe a Alborada de Pascual Veiga (orquestrada por  Juan Durán), as Cancións Xacobeas de Antón García Abril, a Dolora Sinfónica de Gregorio Baudot, unha selección das Tres estampas galegas de Mauricio Farto e a peza Duns folios que foron brancos, obra de M. Matamoro a partir dun encargo do Consello da Cultura Galega sobre textos de María Victoria Moreno. O concerto contará coa intervención de coro e da soprano Anais Fernández Cerneira O venres 25, ás 20.30h, o Auditorio de Galicia acollerá o último concerto da tempada de abono 2017-2018 en Compostela. O director Jaime Martín porase á fronte da orquestra nun programa que inclúe Ma Mere l’Oye de Maurice Ravel, Petrouschka, de Igor Stravinski. e o Concerto para óboe e orquestra de Richard Strauss con Lucas Macías como óboe solista. Co mesmo programa e protagonistas, a orquestra tocará ao día seguinte no Teatro Afundación de Vigo. A última actuación da RFG no mes de maio será o xoves 31 ás 20 h no Pazo da Cultura de Pontevedra. De novo dirixida por Maximino Zumalave, interpretará un programa coa Obertura de Don Giovanni e a Sinfonía nº 36 «Linz”, de Mozart , amais da Sinfonía nº 4 «Italiana», op. 90 de Mendelssohn. Este concerto está dedicado á Fundación Humanitaria de Rotarios Españoles.

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí