O Certame Galego de Bandas de Música, organizado pola Federación Galega de Bandas de Música Populares, foi onte moito máis que unha competición musical. Ao longo dos anos, o evento consolidouse como un punto de encontro para os amantes da música bandística, onde se mesturan un ambiente de emoción, camaradería e paixón pola música.
A interacción entre músicos e asistentes fai deste Certame unha experiencia anual única, chea de aplausos, emocións compartidas e momentos inesquecibles. Para este ano, o evento conta cun xurado excepcional formado por:
Miquel Rodrigo i Tamarit, director de orquestra e banda que exerce actualmente como director da Banda Municipal de Música de Valencia.
Miguel Romea, director titular e artístico da Orquestra Sinfónica Verum desde 2010.
Frank de Vuyst, con experiencia como xurado en certames de varios países (Bélxica, Holanda, Suíza, Alemaña, Perú, Colombia) e actual director titular da Banda Sinfónica Unió Musical de Torrent (Valencia), da Agrupació Artística Musical de Dénia e da Nova Orquestra Sinfónica de Bandas Sonoras en Zaragoza.
Dentro da sección xuvenil, amenizaron a mañá do sábado as bandas:
- Banda xuvenil da Societat Artística Musical d’Alginet. Por primeira vez na historia contamos no certame cunha banda valenciana, que ven da man do seu director Marc Sotorres Sotorres.
- Banda xuvenil da Unión Musical de Meaño. No ano 1999, a Asociación Cultural Unión Musical de Meaño impulsa a creación dunha nova agrupación para formar ós futuros compoñentes da Banda Unión Musical de Meaño. Dende outubro do 2023 a dirección da Banda Xuvenil asúmea Antón Caneda.
- Banda-Escola da Banda Municipal da Estrada. Agrupación que xorde no ano 2020, coa necesidade de nutrir a canteira da Banda de Música Municipal da Estrada. Banda dirixida por Álvaro Varela Ferradáns.
A gañadora da sección xuvenil foi a Banda Xuvenil da Unión Musical de Meaño, que levou un premio de 1.500€. O segundo posto foi para a Banda-Escola da Banda Municipal da Estrada cun premio de 750€.
A primeira hora da tarde, os máis pequenos do certame foron os protagonistas na sección Infantil coas bandas:
- Banda Infantil de Lalín. A Banda Infantil de Lalín xurde no seno da Escola de Música da Banda de Lalín como resposta ás inquedanzas dos mestres da mesma que buscaban proporcionarlles aos cativos unha experiencia musical integral, facéndoos vivir xa desde os seus comezos a maxia de pertencer a unha agrupación referencia na comarca. No curso 2023-2024 faise cargo da batuta Carlos Villardefrancos Toimil, aportando un novo impulso á formación.
- Banda infantil Maestro Lupi de Benavente. Escola de música cuns 150 usuarios e unha plantilla de 60 músicos na súa banda. Os pequenos músicos chegaron este sábado dende Benavente da man do novo director Rubén Cerqueira Prado, nacido en Coruxo (Vigo).
Tras dunha dura deliberación do xurado, a gañadora dentro da sección Iinfantil foi a Banda Infantil Maestro Lupi, que recibiu un premio de 1.000€. O segundo premio, de 500€, marchou cara a comarca do Deza da man da Banda Infantil de Lalín.
A sección terceira, comezou ás 17:30h, e as bandas que fixeron gozar ao público foron:
- Banda de música popular de Moaña «Airiños do Morrazo». Unha das bandas máis lonxevas do certame, con máis de 100 anos de historia, que foi fundada en 1880 por Fernando Costa.
- Unión Musical de Coruxo. Dirixida por Francisco Javier Quintas Alonso, que coincide en idade coa anterior banda.
- Banda de música Unión Musical de Tenorio. Unha banda actualmente moi activa, cunha media de 35 actuacións por ano e que ademais organiza e participa en intercambios culturais con diferentes bandas da nosa comunidade autónoma.
- Banda de música Artística de Arcade. Recoñecida como unha das bandas de música máis antigas de Galicia, foi fundada en 1868 por D. Antonio Perdiz. O actual mestre titular é o ourensá D. Roberto Iglesias Rey.
O primeiro premio de 2.000€ foi para a Banda de Música Artística de Arcade, o segundo premio de 1.000€ foi para a BandaBanda de Música Unión Musical de Tenorio e o terceiro premio o levou a banda Banda de Música Popular Airiños do Morrazo de Moaña.
Tamén queremos destacar a colaboración da plataforma Glissandoo, que este ano premia á gañadora de cada categoría cun ano de licenza gratuíta do seu software, con acceso a todas as funcións premium.
Estes premios non só representan un recoñecemento ao esforzo das bandas, senón que tamén fomentan a creatividade e a difusión da música galega. O certame, deste xeito, non só se converte nun espazo de competición, senón tamén de celebración da música e da cultura, impulsando ás bandas a seguir mellorando e compartindo a súa arte co público.
Onte sábado foi unha fermosa xornada onde o público, composto por familiares, amigos, afeccionados e profesionais do sector, creou unha atmosfera vibrante e participativa, na que cada interpretación foi recibida con entusiasmo e calor.